11 ene 2012

Biografía


ANTONIO RIVERA LOSADA

Antonio Rivera Losada nace en 1920 na parroquia de Mera de Abaixo, pertencente ó Concello de Ortigueira. É o menor de cinco irmáns sendo a súa nai mestra nacional e o seu pai tratante de gando, ámbolos dous represaliados ó longo da guerra civil e tamén despois de que houbera rematado. Mais foi o seu pai o que o axudou a encher de inquedanzas e, polo tanto a formar a personalidade de Toños. Era, de feito, un tratante que rompía con tódolos moldes coñecidos en canto á definición desta profesión pois resultou ser un gran lector, sentindo especial querenza por Unamuno e Valle Inclán aínda que a súa ateigada biblioteca estivo sempre ó alcance de Toños para abrirlle tamén outros camiños. O pai de Toños tamén pertenceu ás Irmandades da Fala e foi un activo galeguista que fixo que pola súa casa pasasen homes como Suárez Picallo, Vilar Ponte, Ramón Martinez López ou o mesmo Castelao que viñera a dar un mitin ó campo da feira de Mera. Antonio lembraba con agarimo as veladas nocturnas arredor da lareira, onde seu pai recitaba a Rosalía, Curros, Cabanillas, Noriega,…

Os primeiros pasos fora do fogar dáos para estudar Ciencias Químicas na Universidade de Santiago, carreira que deixa no terceiro curso desencantado co profesorado e alentado polas vocacións a prol da Literatura e a Filosofía que xa naceran nel. Neste tempo, xa era coñecedor de Pessoa, Freud, Junge, Albey, Nietzsche,…

Nas súas andanzas como colaborador de Radio Ferrol, tivo a sorte de contar coma compañeiros e tamén amigos a Tomás Barros, Ricardo Segura e Carvalho Calero entre outros intelectuais.

No ano 1947, despois dunha enésima liorta co seu pai vaise cuns aforriños cara a Madrid e convértese en habitual dos faladoiros do Café Gijón conseguindo, ademais, exercer de secretario de Camilo José Cela ó longo dun ano (neste tempo, o futuro Nobel estaba a corrixir a súa novela “ La Colmena”), traballando despois no Instituto de Cooperación Iberoamericana e como colaborador en Radio Nacional de España. Foi esta época moi frutífera como articulista en publicacións varias como “Arriba”, “Alcalá”, “Fotos”, “El Español”, “La Estafeta Literaria”, “La Ilustración Gallega”, “Atlántida”,… por mor desta frenética actividade, gaña no ano 1954 o primeiro premio nacional de periodismo co seu artigo “Ultreya” editado no “Español”.

No ano 1957 emigra a Brasil, á cidade de Sao Paulo, onde desenrola todo tipo de actividades relacionadas ca cultura: escribe crónicas de política iberoamericana, organiza un grupo de radioteatro, dirixe teatro experimental para ó instituto Cervantes e, como derradeiro cometido, ingresa como funcionario no Consulado Xeral de España onde se lle encomendan os asuntos culturais que lle competen a esta administración.

Unha vez máis, por mor das relacións, xamais explicadas, que tivo con algún dos seus xefes na representación diplomática aludida, no ano 1962 retorna a Galicia onde pasa unha tempada como xefe de redacción dunha empresa de publicidade coruñesa. Sempre dixo que este era un bo posto de traballo, mais o feito de estar pegado a unha cadeira non lle acababa de gustar e regresou á súa natal Mera.

Unha das citas máis repetidas por Antonio era a do poeta checo Rainer María Rilke que dicía: “A infancia é a patria do home”; quizais volveu a encontrarse na súa terra consigo mesmo pois xa non volveu a marchar – agás pequenos viaxes esporádicos -, e dedicouse ó que lle gustaba facer, dar clases a todos aqueles que quixeran ampliar a súa cultura e colaborar na “Voz de Ortigueira”; iso sí, amparado, protexido e influenciado pola Serra da Capelada e o río Mera.

O 17 de Marzo do ano 2002, dixemos ata sempre a un home amigo dos seus amigos que sempre quixo, e necesitou, baleirar parte da súa inmensa cultura en todo aquel que o quixera escoitar.

No hay comentarios:

Publicar un comentario