20 dic 2011

"A miña vida foi como a carabina de Ambrosio"

Entrevista a Antonio Rivera Losada. Por Eva Martínez, publicado no Suplemento Nº 105, 2000 da USC.

Para ver o suplemento completo, CLICK AQUÍ

Antonio Rivera Losada, veterano colaborador de prensa, home de vida novelesca e pouco amigo das ataduras, manténse fiel, ós seus 80 anos, a unha fonda inquietude intelectual. "A miña vida foi como a carabina de Ambrosio" , di Rivera. Foi redactor de publicidade, criador de porcos, tratante de coiros..., viviu en Madrid, en Brasil..., e sempre foi fidel ás súas ideas, aínda que a autocensura lle impedise escribir sobre política durante o franquismo.

Cazadora vaqueira e zapatillas deportivas, Rivera xa agarda por min no bar onde quedamos, a carón do río Mera. Véxoo dende a porta. Mira nervioso o reloxo. "Este río foi o meu mellor xoguete, de neno. Aínda hoxe, cando paseo á súa beira, tráeme recordos da infancia e dos primeiros amores da adolescencia", di Rivera en canto sentamos. Ten a figura encorvada e miúda dun trasno e o seu andar acelerado, con paso curto e dilixente deixa ver o espíritu novo que bule nun corpo de vello.


Escribiu algún artigo sobre Pessoa. Coñece ben a súa vida e a súa obra. ¿En que se asemella o "eu" múltiple do escritor luso á personalidade inqueda de Rivera Losada?

De novo empecei a ler e a admirar a Pirandello. E nel está moito máis claro eso, incluso ten un libro no que fala das diferentes personalidades - as súas mans xogan inquedas cun bolígrafo e moven a gravadora- Recordo un libro no que se di que nós temos que estar inventando personaxes teatrais que están en nós dalgún xeito. Iso está en tódalas persoas, agora que o máximo está en Pessoa: Os heterónimos, pero eu non me vexo en sentido exclusivista, por esa afección por Pessoa, semellante a el. El era un xenio. Si hai certo parecido, pero salvando sempre as distancias.

Tamén admirou ó seu pai. Era un gran lector e tivo certa relevancia na promoción da cultura en Ortigueira. ¿Como influiu isto en vostede cando era pequeno?

A admiración polo meu pai foi ata certo punto, porque empecei a ser, de bastante novo, crítico de meu pai, e na adolescencia tivemos discusións moi fortes. Meu pai quizá era un exceso imaxinativo. El era moi optimista. Era o caso raro dun tratante de gando con afeccións intelectuais. Era un home que lía moito. Lembro que foi meu pai o que me trouxo, antes dos 14 anos, La Isla Misteriosa de Julio Verne. Despois empecei a ler libros que había na casa. Empecei a ler La novela carlista de Valle Inclán, un libro de contos de Unamuno... Meu pai non tiña gustos moi malos, que me valían nese sentido.

Mocidade e galeguismo

Pola súa casa pasaron intelectuais como Suárez Picallo, Vilar Ponte, Castelao... ¿Vivía nun ambiente nacionalista durante a súa infancia?


Bueno, vivía. Pero cando veu a represión, viñeron buscar a meu pai varias veces. Despois estivo preso... Era amigo de Ramón Martínez López, profesor de instituto e destacado galeguista, Suárez Picallo... Acordo cando me coñeceu Vilar Ponte, eu xa tiña 15 anos. Deume unha palmadiña e dixo: "¡Ai!, este é o seu fillo, Riveira..." . Meu pai pertenceu ás Irmandades da Fala. Atraíao moito o galego. E gustáballe moito que lle dixeran que falaba ben o galego. Eu recordo que a primeira poesía que aprendín na miña vida foi unha de Rosalía. Fíxome unha cuarteta de "Adiós ríos..." e dixo: "Cuando venga tienes que tenerla aprendida" Meu pai recitaba moi ben. Acórdome das veladas nocturnas da cociña, que se poñía a ler cousas en galego e recitar. Eu empecei a coñecer a Curros a Cabanillas, Noriega..., a través do que lía meu pai.

Á parte do seu amor pola lingua e a literatura galegas, as ideas políticas de seu pai eran galeguistas...

Meu pai era izquierdista. El admiraba moito a Azaña. Foi o promotor de que viñera Castelao. Eu non coñecía personalmente a Castelao, pero tiña varios libros seus, lidos por meu pai. Organizou un mìtin, moi importante porque era co que iniciaba a campaña o Partido Galeguista. Eu non cumprira os 16 anos. Meu pai díxonos a meu irmán e a min: "Tedes que ir buscar a Castelao a Xubia".

A pesar de que era moi novo, ¿como conectaron as ideas destes homes con vostede?

A min gustáronme, acórdome por exemplo de Vilar Ponte. Falaban unha linguaxe moi sinxela... Eu estaba ó lado destes, non sei se era pola cousa familiar..., a pesar de que a miña linguaxe de instalación seguía sendo o castelán.
Durante os preparativos das eleccións do Estatuto, Suárez Picallo instálase na miña casa. Díxome un día na tertulia de cociña: "¿Por que non organizas un grupo de mocidade galega cos rapaces amigos teus? Díxome incluso: "Ponte en contacto con Víctor Casas. Formamos entón un grupo de mocidade no que me elexiron secretario.

A vivencia tan próxima da guerra civil, coa persecución e encarcelamento do seu pai e a destitución da súa nai, que era mestra nacional, ¿de que maneira influiu no seu pensamento e na súa maneira de escribir?

Non podo dicirche, porque hai moitas cousas que non conto. Sempre vivín nunha postura de antifranquismo, porque se mama. Quizá evitei todo iso porque tiven que escribir na Dictadura. Entón actuaba unha autocensura. Eu estiven escribindo para Radio Nacional. Encargábanme falar de cousas como Macías Montero, que foi un falanxista. Mentínme nesa retórica. Pode ser que quedase algo desa autocensura despois. Evitaba falar de política.

Un espírito inquedo

Deixa os seus estudios de Ciencias Químicas no terceiro curso. ¿Que botaba en falta naquela universidade de posguerra?

Os profesores non eran bos, porque os profesores mellores, non sei por que, eran de izquierdas e moitos foron, na primeira etapa, destituidos. O que me examinou de química en Santiago era un profesor de instituto, nin sequera catedrático de instituto. En min tamén había unha vocación pola literatura, vocacións filosóficas que xa as viron compañeiros meus cando estiven en Santiago.

Fala de vocacións filosóficas, ¿qué filósofos descubriu daquela?

Durante un tempo fun freudiano Recoñezo a xenialidade de Freud, pero iso de que a sexualidade aparece en todo... A sexualidade é moi importante, pero non é todo. A el débolle, iso si, empezar a preocuparme dos soños. Despois descubrín a Junge, Albey...

Traballou en moitos medios de comunicación: o xornal Arriba, Radio Nacional... ¿Por qué non se considera xornalista?

Non traballei demasiado. Era para gañar algo. O máis fácil de gañar eran as entrevistas, pero a min non me gustaban. Fixen algunha para a Estafeta Literaria. A primeira cousa que cobrei foi en Arriba, unha reportaxe sobre a Primeira Bienal Hispanoamericana de Arte. Pero non pasei polos estudios de xornalista. Son autodidacta de todo e de nada. Non me podo considerar xornalista.

Nos cincuenta viaxa a Brasil , onde se adica ó teatro e colabora na televisión e na radio. ¿Os medios de comunicación brasileiros permitíronlle falar de temas que se lle vetaban no noso país debido á censura?

Ata certo punto, porque estaba un pouco constreñido polo consulado, xa non só polas cousas que me dicían alí. O canciller, que era o meu xefe de traballo, era un facha. Aquilo era terrible, era peor que en España.

¿Qué aprendeu do xornalismo brasileiro?

Nada. Fun un autodidacta, con tódalas cousas boas e malas que ten ser un autodidacta, que é ignorar moitas cousas e coñecer outras.

¿Como foi a súa volta a España?

Ó chegar traballei na Coruña, nunha axencia de publicidade. Tiña un soldo bo, pero nunca ata entón tivera a sensación de estar gañando os cartos por ter o cu pegado á silla. Logo pensei, estou axudando a facer máis cretina a xente, e volvín a Mera para criar porcos. Non me arrepinto. Tamén colaborei coa Voz de Ortigueira de David Fojo e dei clases a xente que quería ampliar a súa cultura.

¿Por que define a súa vida como a "carabina de Ambrosio"?

A carabina de Ambrosio tiraba del para un lado e para outro. A miña vida foi así no sentido de que non me concentrei nun obxectivo determinado.


O secretario de Cela

No ano 47 marcha a Madrid e acude ás tertulias do Café Gijón. ¿Que pretendía atopar na capital?

Deixo de estudiar cando meu pai me necesita para traballar con el... -a súa voz québrase e adopta un ton confidencial- Hai cousas que non podo contar... Van unidos problemas sentimentais. Descompúxenme co meu pai e xa non quixen a súa tutela. Eu tiña algúns aforriños do que gañara con el... Eran unhas sete mil pesetas. Fun sen xeito, ver se tiña empleo.

Alí coñece, entre outros intelectuais, a Cela, e faise secretario persoal seu. ¿Que lle aportou unha relación tan estreita co escritor?

Ó ano de estar con el, ou antes, eu xa estaba canso. O único positivo de entón eran as conversas que tiña con el. Os amigos decíanme "¡Así te será fácil enterarte de cosas!", pero non. As cousas pasaban por diante de min, pero non tratei de publicar nada mentres estiven con Cela. De tódolos xeitos, sempre é unha experiencia importante convivir cun home da talla de Cela. Modificou o meu concepto da vida, ampliouno nalgunhas cousas.

¿Que relación ten agora con el?

Ningunha. De tódolos xeitos, sempre que lle escribín unhas letras felicitándoo por algo escribiume de puño e letra agradecéndomo.


No hay comentarios:

Publicar un comentario