20 may 2015

UNHA CARTA PARA NARCISO

Amigo Narciso, fóisenos Herminia. Foise acubillada no silencio co que sempre viviu, sabedora de que era o mellor xeito de vos entender. Ti tiñas dous amores nesta vida que che tocou vivir, mais un deles precisaba do outro para sobrevivir, coma nunha calculada simbiose. As túas inquedanzas en prol da cultura ortegana, reflectidas na túa escrita e que cobraron vida no museo, foron medrando por mor de roubarlle horas á túa muller, mais ela tamén estaba a se nutrir da ledicia que sentía ó ver coma te alporizabas cada vez que atopabas algunha novidade para engadir ó teu pozo sen fondo de sabenza ancestral.

De seguro que te atopas engaiolado nunha mesta e fría néboa, sen saída, mais Herminia, agora xa ca renovada forza da xuventude, soprará para espallala e quentará o ar co seu fervor adolescente e así poidas volver a vela e tocala e, o ar do fogar volverá a encherse co recendo da traballada cociña na que se atoparán as viandas enriba da mesa co forno aínda quente. Mais conta con que o fará, coma non, dun xeito silencioso e paseniño, para darche tempo a rematar esas ideas que non deixan de bulirche na testa e que nós, podes estar seguro, estamos desexosos de coñecer.

                                                                                           MANEL

No hay comentarios:

Publicar un comentario