16 ene 2012

"Toños" segue entre nós

Artículo de José Manuel Bouzamayor sobre Antonio Rivera, publicado en La Voz de Ortigueira (Nº 4983, del 6 de enero del 2012)

Amigo Toños, este ano cúmprese o décimo aniversario do teu pasamento; por certo, esta é unha das verbas máis axeitadas da nosa lingua galega xa que somos sabedores de que ti non morriches, ti pasaches a outro estado.
Escribo estas verbas ollando cara a túa ben querida Serra da Capelada, onde xa podes ficar o tempo que desexes e gozala en toda a súa inmensidade. Mais hoxe non hai néboa algunha, hoxe non se agocha, senón que baixa cara á ría onde espellea os seus tons verdosos e percorre as beiras do río Mera enseñorándose nos sendeiros que ti fuches tallando despois de longos e frutíferos paseos. Os montes da Capelada e o río xúntanse para lembrarte: lembran cando tornabas daquelas viaxes que de cando en vez tiñas que facer como home que eras cheo de inquedanzas, que facían que o teu arredor todo che parecera pequeno, e coa axuda dunha pequena moto e unha mochila; que dabondo chegaba, pois a túa equipaxe levábala no teu interior, percorrías outras terras. A serra agochada tras da néboa, e o río coas súas alporizadas augas ficaban xunto con todos nos, os teus amigos, compañeiros, e por sempre alumnos, agardando o teu regreso; deste xeito tornaban tamén os faladoiros nas vespertinas tardes do verán, aínda que sempre acababan converténdose nun delicioso e agradable monólogo.
Amigo Toños, aproveito este pequeno recordo para agradecerche, en nome de todos aqueles que nalgún intre da súa vida gozamos da túa compaña, o facernos ver, ó través do contaxio, que o máis sinxelo acontecer da vida, con unha pouca de curiosidade, pódese trocar nun inmenso tratado. A Filosofía en maiúsculas. Tamén aproveito para dicirlles a todos aqueles que non chegaron a coñecerte, que sempre te encontrarán, e estarás disposto a recibilos en calquera lugar na beira do río; o cal, por certo, xa nunca máis tornou a murmurar cas cadencias sinaladas polas estacións do ano, non, agora déixache as augas para que ti podas falar o través delas; e tódolos que alí viven, merlos, paporroibos, londras; e cando as sombras enseñóranse destes lares co propósito de agochar a súa beleza, cando os ameneiros e bidueiros xa non poden tan sequera siluetearse na lúa, tamén os mouchos e morcegos prestan as súas gorxas para que podas seguir baleirando o lastre de sabedoría que levabas cando a ti.

Toños, en fin, fixeches bo uso do teu pasamento, agora xa somos coñecedores de que segues entre nos, mimetizado nas túas, nas nosas montañas da néboa.
J.M.B.R


No hay comentarios:

Publicar un comentario